|
|
SOLICITUDES
a) Hai dúas formas de presentar as solicitudes, por escrito ou telematicamente:
- Por escrito: as solicitudes débense presentar no modelo oficial, que se pode obter en calquera das delegacións provinciais da Consellería de Traballo e Benestar, nas oficinas e puntos de información xuvenil ou ben descargarse directamente desde a páxina web www.xuventude.net, para logo presentala a través do rexistro.
- Telematicamente: os solicitantes que posúan un certificado dixital baixo a norma X.509.V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, Real Casa da Moeda, poden acceder a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet: http://www.xunta.es/servicios. Transferiranse así automaticamente os datos da solicitude ao rexistro telemático da Xunta de Galicia.
b) A solicitude pode ser individual ou múltiple (no caso de dous, tres ou catro irmáns). A solicitude múltiple só se poderá empregar para o suposto de solicitude de irmáns que pidan a mesma instalación e quenda. Todos os interesados que figuren nunha mesma instancia deben cumprir os requisitos de idade esixidos para as instalacións e quendas solicitadas. O incumprimento do disposto anteriormente por un dos participantes, suporá a exclusión de todos os que figuren nesa mesma solicitude. A solicitude múltiple ten efectos para a adxudicación das prazas durante o sorteo e para xerar as listas de espera, pero no momento das adxudicacións desde a lista de espera xa se teñen en conta como individuais.
c) Instrucións para cubrir os impresos de solicitude:
- Cada mozo ou moza só pode cubrir unha solicitude elixindo por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas ou actividades. Cada quenda ou actividade vai identificada cun código no anexo I que se facilita coa solicitude.
- Os datos do solicitante deben ser os do mozo ou moza que opta a participar nas actividades. No caso das solicitudes múltiples deberanse cubrir os datos de todos os irmáns que solicitan a súa participación (ata un máximo de catro)
- As solicitudes deberanas asinar os pais/nais ou titores dos menores solicitantes.
- Se a/o solicitante é galega/o non residente en Galicia, na súa solicitude debe figurar, para as comunicacións, un enderezo nesta comunidade autónoma.
- A duplicidade dunha solicitude dará lugar á inadmisión de ambas, polo que o solicitante quedará fóra do sorteo.
- Non terán validez, e polo tanto non serán incluídas no sorteo, as solicitudes que se reciban unicamente por fax.
- Todas aquelas persoas que presenten a súa solicitude a través do procedemento do portelo único dos concellos ou por correo ordinario deberán remitir, unha vez rexistrada, unha copia por fax ao número 981 545 843.
- A partir do 6 de abril, o interesado deberá comprobar a recepción da súa solicitude na páxina web www.xuventude.net, así como os posibles erros de mecanización que se cometeran co obxecto de proceder á súa corrección. Nesa páxina aparecerá un enlace para consultar os datos das solicitudes. Para ter acceso aos mesmos, deberase incluír o número do DNI do pai/nai ou titor que cubriu a instancia, así como a data de caducidade dese DNI. Se os interesados atopan algún erro nos datos da solicitude ou non a atopan, deben chamar a calquera dos números de teléfono da D.X. de Xuventude e Solidariedade que aparecen no anexo IV, antes do día 20 de abril inclusive. Unha vez transcorrido ese día, contra os erros ou omisións de solicitudes, non procederá reclamación algunha
d) As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Xuventude e Voluntariado, e poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros das delegacións provincias da Consellería de Traballo e Benestar ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
e) O prazo para presentar as solicitudes remata o día 24 de marzo de 2009.
ADXUDICACIÓN
A adxudicación pode ser:
- Directa, se a demanda non supera o número de prazas dispoñibles.
- Por sorteo informático, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles. Neste caso, o sorteo realizarase perante notario o día 22 de abril de 2009, ás 12 horas no salón de actos nº 1, sito na planta baixa das dependencias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en Santiago de Compostela. Co sorteo cubriranse as prazas nas distintas actividades e xerarase unha lista de espera para cada unha das actividades. O número de reservas en cada actividade será do 50% das prazas convocadas.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado fará público o resultado do sorteo, incluídas as listas de espera, e confeccionará a correspondente lista de admitidos para cada quenda e actividade. A comunicación do resultado do sorteo para os participantes seleccionados levarase a cabo vía sms e correo electrónico ao número de teléfono e conta de correo especificados na solicitude. A lista de admitidos será exposta a partir do día 23 de abril de 2009 na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no rexistro xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros e servizos de Xuventude e Voluntariado das súas delegacións provinciais, no Centro de Información Administrativa e Atención ao Cidadán de Santiago de Compostela, no teléfono xove (902 152 535) e na páxina web www.xuventude.net (neste caso, os interesados deben introducir o DNI do pai, nai ou titor/a que cubriron na súa solicitude e a data de caducidade dese DNI. Éste é o mesmo procedemento que o establecido para a consulta do estado da súa solicitude).
- No caso de se produciren baixas, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado contactará cos suplentes a partir do 25 de maio de 2009, seguindo a orde de lista, a través de chamada telefónica. Realizaranse 3 chamadas entre as 9 e 15 horas que quedarán rexistradas para a súa constancia. De non contactarmos co interesado, este será dado de baixa e procederase a chamar ao seguinte na lista de espera.
- As prazas vacantes que non se cubrisen polos procedementos de adxudicación establecidos anteriormente, serán ofertadas a partir do día 8 de xuño. Estas prazas serán expostas na páxina web www.xuventude.net.
Informacion adxunta
ORDE DA CAMAPAÑA DE VERÁN PUBLICADA NO DOG O 9 DE MARZO DE 2009 (inclúe anexos de solicitude) DESCARGAR FOLLETO INFORMATIVO EN PDF DESCARGAR FORMULARIOS EN PDF Fábrica Nacional de Moeda e Timbre,Real Casa da Moeda Descarga da última versión de Adobe Reader Solicitude Telemática (Con certificado) Cubrir e imprimir solicitude (Sen certificado)
|
|